Fitur: Lugo gastronómico e Termatalia, en Perú

A primeira xornada de Fitur acolleu, entre outros actos, a presentación da quinta guía “…E para comer, Lugo”, editada pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Lugo (Apehl) e orientada desta volta a facilitarlle ao viaxeiro o percorrido polos diferentes destinos lugueses.

No acto participaron o delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega; a xerente de Turgalicia, Carmen Pita; e o presidente da Apehl, Cheché Real. Ónega destacou o acertado dos eslóganes “…E para comer, Lugo” e “Todos los caminos llevan a Lugo”. Pola súa banda, Carmen Pita resaltou a gastronomía como segundo motivo polo cal os turistas visitan Galicia. Igualmente sobre a gastronomía falou Cheché Real, para quen os cociñeiros son “auténticos intérpretes do territorio”.

Na nova guía márcanse nove rutas posibles a seguir na provincia: a costeira dende Ribadeo ata O Vicedo, a do prelitoral, o circuíto pola Terra Chá, o paseo polo anfiteatro natural da Ulloa, a visita a Lugo e aos concellos do seu redor, a ruta pola comarca de Sarria, o percorrido pola Ribeira Sacra e a penetración nas serras orientais e no corazón das montañas dos Ancares e O Courel. De apoio para estas viaxes incluíronse as principais vías de comunicación e menús de produtos típicos por cada itinerario, un mapa xeral dos accesos e os servizos de transporte e turísticos e mais un directorio de todos os establecementos que forman parte da Apehl.

Termatalia. Pola súa banda, a feira termal que se celebra en Expourense, Termatalia, dá en 2012 o salto e pasa a celebrarse en Perú, creando a marca Termatalia–Perú “Auga e Natureza”. Coorganizada entre Termatalia, o Ministerio de Comercio Exterior e Turismo de Perú e Promperú, a edición de 2012 celebrarase entre o 20 e o 22 de setembro en Lima seguindo unha estrutura similar á feira ourensá, con superficie expositiva, área de negocios a nivel industrial e turístico, congreso científico e actividades orientadas a promover a cultura da auga.

Na presentación en Fitur do evento, Carmen Pardo destacou que a celebración en Perú supón “un paso de xigante para Termatalia e un punto de inflexión no desenvolvemento do turismo termal en Galicia”.