Galicia conmemora o centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro

O director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, presentou esta mañá o programa de actos que a Xunta desenvolverá ao longo do presente ano en homenaxe a Celso Emilio Ferreiro, co gallo do centenario do seu nacemento. Así, están programadas unha serie de exposicións, edicións de libros, concertos e outras actividades destinadas a todos os públicos e a todos os sectores da poboación galega, para pór de manifesto a vixencia dunha obra imprescindible da literatura e da poesía.

O programa de actos comezará mañá mesmo, a través da iniciativa ‘100 poemas para lembrar a Celso Emilio’ que consistirá na exhibición de mostras da súa poesía nos escaparates de cen establecementos públicos e privados de Celanova, durante todo o ano 2012.

Cómpre subliñar tamén o proxecto ‘Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro’, un reparto de poemas da autoría do escritor celanovés nas caixas do correo das rúas das cidades e vilas de Galicia que levan o nome do escritor, un total de 28 concellos. Con esta iniciativa, a Xunta de Galicia levará aos fogares unha obra literaria tan importante para a nosa cultura.