Medio Rural e a Fundación Juana de Vega desenvolven un curso para os viticultores da Terra de Betanzos

A Consellería do Medio Rural e do Mar e a Fundación Juana de Vega colaboran na posta en marcha dun amplo e completo curso de viticultura e enoloxía que comeza este mércores e que se prolongará en diferentes xornadas ata finais de ano. O principal obxectivo desta acción é facilitar aos participantes os coñecementos precisos para a realización práctica de todas as operacións necesarias para a implantación e o mantemento de terreos de viñedo, principalmente adaptados á comarca que abrangue os viños da Terra de Betanzos, así como a elaboración de viños de calidade a partir das variedades na comarca.

Para poder acadar estes obxectivos, o curso terá unha parte teórica na aula e outra práctica no campo, e desenvolverase de xeito descontinuo. O período docente comprenderá tamén a vendima, xa que se prolonga máis alá dos meses de setembro e outubro.

De febreiro a agosto desenvolveranse as clases referentes á Viticultura, mentres que as de Enoloxía terán lugar de setembro a decembro. O curso remata o día 13 de decembro cunha cata comentada.