O Arde Lucus 2012 coincidirá con San Xoán

A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Xuventude de Lugo, Carmen Basadre, anunciou que a undécima edición do Arde Lucus terá lugar os días 22, 23 e 24 de xuño. A edil explicou que a elección desa data responde a que “non temos unha data fixa senón que o facemos dependendo de cando coincide a festividade do Corpus e este ano cadra xusto os dous fins de semana anteriores, co cal non hai máis días dentro do mes de xuño”. Tamén quixo lembrar que esta festa naceu para conmemorar o solsticio de verán polo cal as datas desta celebración sempre son as máis próximas ao día 21 de xuño.

Basadre avanzou que xa mantivo as primeiras reunións con asociacións para comezar a traballar no Arde Lucus 2012 e que durante as dúas semanas previas se vai celebrar o Lucus Cultural, co que se pretende levar aos barrios diferentes talleres e actuacións para que todos os veciños se impliquen nesta festa de época romana. A concelleira salientou que “a pesares de reducir nun 15% o presuposto para esta festa non vai a baixar en calidade xa que apostaremos por unha maior implicación dos cidadáns” aínda que destacou que “teremos que tirar de imaxinación para seguir innovando e presentando un cartel sorprendente.”

Por primeira vez, o cartel anunciador vaise seleccionar a través dun concurso de carteis aberto a toda a poboación. O prazo para poder presentar os traballos é entre o xoves 12 de xaneiro e o 29 de febreiro e para seleccionar ao gañador valorarase o predominio da cor vermella como simboloxía do lume. O premio para o gañador é de 1.000 euros.