Ouvirmos inicia os cursos de cociña infantil

Ouvirmos comenza este sábado a programación de Cursos de cociña infantil, que se impartirán ao longo do ano en diferentes lugares. Os primeiros terán lugar no Museo de Arte Contemporáneo Gas Natural Fenosa da Coruña, do 14 de xaneiro ao 4 de febreiro. O obxectivo do programa é iniciar aos máis pequenos na elaboración de receitas fáciles, divertidas e creativas. Poden participar rapaces de entre 7 e 11 anos, cun máximo de 25 alumnos por curso.

Cada pequeno chef contará cun gorro de cociñeiro, un mandil individual e, ao final do curso, levará un libro da colección de Cociña Infantil e Familiar de Ouvirmos. Os contidos xirarán en torno á elaboración de masas e, así, os alumnos aprenderán a traballar diferentes tipos de mesturas para facer pan, muffins e galletas.

Para a realización dos cursos, que son impartidos por profesores de hostalería, Ouvirmos conta coa colaboración de Gadis, Galletas Daveiga, Convotherm, Jofisa e Manitowoc.