Turgalicia edita unha nova guía de turismo rural

Turgalicia vén de publicar a Guía de Turismo Rural 2012, na que se detalla toda a oferta de establecementos rurais da Comunidade galega. Publícase en seis idiomas e recolle todas as posibilidades de aloxamento rural en Galicia, un total de 591 establecementos.

A Guía de Turismo Rural 2012, da que se tiraron 65.000 exemplares que se poderán atopar nas feiras de Turismo, oficinas turísticas e entidades de promoción turística tanto nacionais como internacionais, inclúe as coordenadas GPS dos establecementos rurais que se poderán descargar da web de Turgalicia para os distintos navegadores do mercado. Nesta guía indícanse tamén os establecementos que se poden reservar on-line a través da central de reservas da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, no enderezo
www.turgaliciarural.com.

No tocante á promoción, Turgalicia presentará a oferta turística de Galicia entre os días 3 e 7 de febreiro na feira Salón des vacances de Bruxelas. Trátase do certame turístico máis importante de Bélxica e conta con máis de 50 anos de historia. Turgalicia participará nesta feira con dous mostradores dentro do stand xeral de Turespaña, a través dos que difundirá a oferta turística global de Galicia na capital belga.

Recentemente, a oferta termal galega tamén estivo presente en Thermalies (París), onde a Asociación de Balnearios de Galicia desprazou un equipo comercial para intensificar o labor de promoción dos establecementos galegos. Ademais, houbo representación comercial dos hoteis con oferta de talasoterapia.