Turismo inicia o ano coa promoción internacional do campismo e o termalismo

A Secretaría Xeral para o Turismo, a través de Turgalicia, inicia o ano coa promoción internacional do campismo e o termalismo galegos, coa participación en tres feiras especializadas que se celebran en Holanda, Alemaña e Francia. Así, ata o domingo, o campismo galego promociónase na feira Vakantiebeurs, en Utrecht (Holanda). Nela, Turgalicia está presente con dous módulos dentro do expositor de España. Por outra parte, tamén no ámbito do campismo, Turgalicia asistirá entre os días 14 e 22 de xaneiro ao certame turístico CMT 2012, que se celebrará en Stuttgart, Alemaña.

Ademais, Turgalicia promocionará o turismo de saúde na 30ª edición do certame Thermalies, que se celebra en París. Trátase dun certame turístico profesionalizado en canto a expositores, pero a gran maioría dos visitantes son consumidores finais que buscan ofertas concretas. Turgalicia participará cun stand de deseño de 48 metros cadrados que presentará a oferta do Turismo termal galego. No espazo galego estará representada a Asociación de Balnearios de Galicia para xestionar reservas de xeito directo.

Fitur 2012
No tocante a Fitur, Turgalicia disporá dunha superficie de 1.293 metros cadrados. A promoción basearase na marca turística galega, os dez produtos turísticos cabeceira de marca e o mapa de Xeodestinos turísticos.