As Pousadas do Salnés serán “un polo creador de emprego e riqueza”, ademais dun gran atractivo turístico complementario aos que xa oferta a comarca e que dará cobertura a un nicho de mercado ata o de agora bastante esquecido, como é o do turismo accesible.
Así o puxo de manifesto o presidente da Deputación Provincial, Rafael Louzán, nunha visita ás obras da Pousada da Lanzada, onde incidiu en que as catro pousadas estarán rematadas este ano e “a pleno rendemento e en funcionamento en 2013”. Louzán incidiu en que o papel das administracións non debe limitarse a manter ou recuperar o que hai, senón “a xerar actividade económica, riqueza e emprego”.
Nesta liña, o presidente da Deputación salientou a incidencia que o proxecto de Pousadas do Salnés está a ter e terá na economía da comarca, xa que nestes momentos hai unhas 200 persoas traballando nas obras e, unha vez en funcionamento, permitirán que 150 persoas “poidan ter aquí unha oportunidade de traballo que tanto merecen e tanto necesitamos agora mesmo”.
Louzán salientou que as pousadas serán un “atractivo turístico de primeiro nivel”, porque do que se trata é de apostar por un turismo de calidade que neste caso ten o valor engadido de ser “unha oferta que vai dirixida especialmente a persoas con problemas de mobilidade”. De feito, todas e cada unha das instalacións cumpren ao 100% coas normas de accesibilidade universal e compleméntanse con 50 km de rutas de sendeirismo tamén accesibles e dous xacementos arqueolóxicos.
Mentres que en Ribadumia, Meaño e Meis ás pousadas serán novas edificacións, no caso da Lanzada, as obras implican a rehabilitación integral dun edificio de principios do S.XX que estaba a ser utilizado como Centro Vacacional para nenos e nenas da provincia e que se atopaba bastante deteriorado por mor da salitre e dos vendavais.