Cara un sistema integrado de recollida de datos turísticos

O Parlamento de Galicia aprobou unha iniciativa do PPdeG encamiñada á creación e desenvolvemento dun sistema integrado e homoxéneo de recollida e tratamento de datos estatísticos nas oficinas de turismo de Galicia. Este sistema consistiría –segundo explican os populares- nunha aplicación informática “sinxela, rápida e eficaz, que se implantaría de xeito progresivo nas diferentes oficinas turísticas galegas, as dependentes da Xunta de Galicia e as dos concellos, e que nutriría de datos veraces e representativos ao Observatorio Turístico de Galicia co fin de poñer en valor a información que poida ser de utilidade para os diferentes axentes implicados na actividade turística”.

Para a voceira de Turismo do PPdeG, Natalia Barros, “trátase de aproveitar a rede de oficinas de turismo de Galicia como clara fonte de información do conxunto do territorio e desenvolver un sistema harmonizado e homoxéneo de recollida de datos estatísticos que permita mellorar o coñecemento de cada destino e mesmo facer análises comparativas entre os mesmos”. Barros enmarcou a iniciativa na “potenciación do Instituto de Estudos Turísticos de Galicia como organismo de análise estrutural e conxuntural do turismo na nosa comunidade”.