A colleita de Ribeira Sacra, ‘Moi Boa’

A D.O. Ribeira Sacra celebrou a cata de cualificación da colleita 2011 (foto). O escenario foi o Parador de Turismo de Monforte, na subzona de Amandi. O panel de cata, composto por 9 catadores, valorou 10 mostras de viños, 2 por subzona, con representación de adegas grandes e adegas pequenas e con representación de viños embotellados e viños aínda en depósito. A colleita cualificouse como ‘Moi Boa’, cunha puntuación de 7.5.

José Luis H. Mañas, que participou no panel de cata, sinalou que “son viños con moita intensidade e olor, viños moi intensos en boca. O pasado ano falabamos de viños bastante homoxéneos, con puntuacións moi similares entre eles, creo que a colleita 2011 aínda é máis homoxénea, parece que a zona atopa o seu viño tipo, este é un proceso que adoita ser moi lento e Ribeira Sacra está evolucionando correctamente”.

As colleitas da D.O. Ribeira Sacra levan varios anos obtendo a valoración de ‘Moi Boas’. A do 2011 preséntase como “unha gran colleita” para a Denominación por ser a maior da historia e porque cumpriu as expectativas de calidade que se expuxeron durante a vendima.