Curso de formación de formadores no CSHG

O Centro Superior de Hostalería de Galicia da Sociedade da Imaxe e Promoción Turística de Galicia-Turgalicia, dependente da Secretaría Xeral para o Turismo acolle dende o día 31 de xaneiro un curso de formación de formadores. O programa está orientado á formación dos profesionais que se encargarán do funcionamento da nova escola de hostalería que abrirá as súas portas en setembro deste ano no Alto Exipto e que conta co asesoramento do CSHG.

O proxecto, que conta co cofinanzamento da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento -AECID- permitirá a posta en marcha dun centro de formación hostaleira que ofreza formación actualizada e permita o acceso aos mozos ao mundo laboral e satisfacer a demanda de persoal cualificado nos destinos turísticos máis importantes do país.

O obxectivo destes dez días de experiencias compartidas é transmitir o know how do Centro Superior de Hostalería de Galicia que o converteu nun centro de referencia a nivel nacional e internacional. No marco do programa de formación tamén visitaron algúns establecementos hoteleiros galegos, se ben moitos destes profesores que compoñerán o persoal do Abo Korkas Training Center proveñen da industria hoteleira e teñen ampla experiencia en compañías internacionais.