Galicia quere captar máis turismo italiano

A oferta turística de Galicia está presente estes días na feira Bolsa Internacional do Turismo de Milán, co obxectivo de achegarse ao mercado italiano. Turgalicia promociona neste evento a oferta turística xeral -baixo a Marca ‘Galicia, sai mantenere un segreto?’- e o Camiño de Santiago, nun certame que está aberto tanto a profesionais como ao público xeral.

O mercado turístico italiano é un dos máis importantes para a Comunidade galega, segundo salienta a Xunta, xa que o 9,3 por cento dos estranxeiros que se aloxaron en establecementos regrados de Galicia o ano pasado foron italianos. De feito, situáronse no cuarto lugar despois dos portugueses, alemáns e franceses en canto á ocupación hoteleira en Galicia en 2011.