Modificadas as normativas de catro DDOO e dúas IIXXPP

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe seis ordes polas que se modifican os regulamentos das denominacións de orixe Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra e Valdeorras e das indicacións xeográficas protexidas Betanzos e Barbanza e Iria. Estes cambios son puntuais e realízanse a petición dos sectores implicados “para unha mellor adaptación das características do produto ás esixencias actuais do mercado vitivinícola e dos consumidores”, indica a Xunta.

No caso da Denominación de Orixe Monterrei, faise unha modificación puntual en relación coas características analíticas dos viños sometidos a envellecemento en barrica. Na D.O. Rías Baixas a novidade principal é a inclusión da variedade Castañal (tinta) entre as variedades autorizadas. En canto á D.O. Ribeira Sacra, o cambio principal é a ampliación da zona de elaboración a determinadas parroquias limítrofes coas de produción e na D.O. Valdeorras modifícase o contido máximo en sulfuroso e o rendemento na extracción de mosto.

En canto ás indicacións xeográficas protexidas Betanzos e Barbanza e Iria, en ambas se inclúen dúas novas variedades, que son o Branco lexítimo ou Raposo e o Agudelo.