O Fórum Gastronómico pechou as súas portas cunha homenaxe a Solla

O Fórum Gastronómico de Santiago pechou a edición de 2012 tras tres xornadas de intensa actividade no Pazo de Congresos. Pepe Solla foi o encargado de clausurar o evento ante un auditorio repleto de público. Unha sesión que serviu tamén para conmemorar o 50 aniversario do restaurante.

A xornada de clausura tamén incluíu a entrega dos Premios Picadillo a aquelas persoas que destacaron nalgunha faceta polo seu labor a prol da gastronomía galega. Na categoría de Cociña resultou distinguido Roberto Crespo, do Restaurante Roberto (Vedra); mentres que en Sala o premio foi para Alfredo Castrelo (El Refugio de Oleiros). Luis Escurís Batalla recibiu o premio como Produtor de mans de Juan Maneiro, secretario xeral do Mar, mentres que no eido dos Viños, o galardón foi para José Luis Hernáez Mañas. Por último, Belarmino Fernández Iglesias recolleu o premio no eido da Formación. O acto pechouse cunha homenaxe póstuma a Isaac Díaz Pardo.


Pep Palau e Jaume von Arend amosáronse satisfeitos co resultado desta edición, na que pasaron polo Pazo de Congresos máis de 15.000 persoas, segundo a valoración oficial. Todas as actividades rexistraron entre o 95 e o 100% de ocupación, demostrando o grande interese que esperta a gastronomía en Galicia. Os organizadores destacan, asimesmo, o alto grao de satisfacción das empresas expositoras, algunhas das cales xa amosaron o seu interese por participaren na vindeira edición deste encontro.