O Turismo galego promociónase na feira Free de Munich

O Turismo galego está presente estes días na feira Free de Munich, o evento máis importante dos que se celebran no sur de Alemaña. Turgalicia participa dentro do stand do Instituto de Turismo de España-Turespaña, no que está presente toda a oferta turística española.

A promoción turística de Galicia concéntrase estes días en Alemaña xa que tamén Turgalicia está presente na feira Reise Camping de Essen, no Noroeste alemán. Neste caso o evento no que se promociona o turismo de Galicia é moi específico do sector dos acampamentos turísticos. A participación en ambos certames turísticos permitirá influír no mercado turístico alemán, o segundo mercado internacional máis importante para a comunidade galega, xa que o 13% dos estranxeiros que se aloxaron en establecementos regrados de Galicia o ano pasado foron alemáns.