A Deputación de Lugo iniciará mañá sábado un ciclo de obradoiros infantís gratuítos que organizou co fin de mostrar de xeito divertido ós máis pequenos as características e riqueza da Reserva Terras do Miño. Preto de 30 escolares de entre 6 e 11 anos de idade asistirán a esta primeira xornada lúdico formativa, que dirixirán investigadores da Universidade de Santiago e terá lugar no Centro de Interpretación Terras do Miño, situado no Paseo do Rato da cidade lucense, de 17:00 a 19:30 horas. Os pais poderán participar nas actividades dos nenos, que traballarán nun divertido e coidado manual didáctico elaborado para a ocasión sobre a importancia do río, e da súa fauna e flora. Farán ademais unha visita guiada polo Centro de Interpretación e gozarán dunha merenda con produtos autóctonos.