Santiago respirará gastronomía co Fórum Cidade

A capital galega respirará gastronomía polos catro costados durante a celebración do Fórum, pero non só co salón senón tamén grazas a un programa de actividades complementarias que baixo o epígrafe de Fórum Cidade pretenden facer partícipe do evento a toda a cidadanía. Así, inclúense actividades deseñadas directamente polo Concello de Santiago, a través de Incolsa, e outras actividades propostas por diferentes restaurantes e entidades da cidade.

O alcalde, Xerardo Conde Roa, sinalou na presentación do Fórum Cidade (foto) que esta edición é máis ambiciosa que a anterior, co obxectivo de que “apuntale Santiago como un dos primeiros destinos turísticos e gastronómicos a nivel internacional”.

As actividades comezarán este mesmo xoves co Fórum Tapas, no que doce gañadores de Santiago(é)tapas elaborarán unha Tapa Fórum a un prezo de dous euros. Tamén entre o 23 e o 28 de febreiro celebrarase o Fórum Noite, no que varios establecementos da cidade ofrecerán a Copa Fórum.

Un Obradoiro de cociña con café, unha charla sobre dieta atlántica ou unha mostra de ópera e gastronomía son outras das actividades previstas.