Ternera Gallega protagoniza senllos actos no Fórum Gastronómico

A Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega participa estes días no Fórum Gastronómico 2012. En concreto, será protagonista este martes de dous actos que servirán para dar a coñecer as propiedades desta carne. Por unha banda, a IXP realizará un show cooking no que combinará a exposición e a explicación das calidades da súa carne coa degustación que ofrecerá ao público asistente. Terá lugar ás 14.00 horas na sala de catas do stand de Medio Rural e Mar. Unha breve presentación da Indicación Xeográfica marcará o comezo da demostración culinaria na que se elaborarán tres pratos diferentes: Tataky de Ternera Gallega, Filete de baleiro á grella de Ternera Gallega con cachelos e Lingote de Costela de Ternera Gallega glaseada con ñoquis de Pataca de Galicia.

Ademais, a IXP será a protagonista do taller que impartirá, tamén o martes, o recoñecido cociñeiro Flavio Morganti. De 12.00 a 13.00 horas, na Sala Picadillo, Morganti explicará, aos preto de 80 asistentes que está previsto que acudan a esta cita, as técnicas para aromatizar pratos con Ternera Gallega. O taller incluirá una degustación dos pratos a base de Ternera Gallega acompañados con viños da D.O. Monterrei.

Pero ademais destas actividades, a presenza da IXP no Forum arrincou onte, domingo, servindo de base para a creación culinaria presentada polo prestixioso cociñeiro galego Javier Rodríguez Ponte, Taky, en GastroNovena (foto).