Trunfa o amor entre A Coruña e Vigo

Un total de 542 galegos participaron na promoción realizada por Turgalicia para apoiar a campaña organizada polas asociacións de hostalería da Coruña e Vigo, “Vigo ama A Coruña, A Coruña ama Vigo”. Esta promoción, desenvolvida na páxina web www.turgalicia.es, convidou aos cidadáns galegos a responder doce preguntas relacionadas cos recursos turísticos da Coruña e Vigo, seis no caso da Coruña e outras seis no caso de Vigo.

Do total de participantes, 434 foron cidadáns galegos que contestaron correctamente as preguntas formuladas. Destes, 237 contestaron correctamente ás preguntas relacionadas coa cidade da Coruña, e 197, ás relativas a Vigo.

Logo de pechar o prazo para a participación nesta promoción, Turgalicia fixo un sorteo aleatorio entre os participantes que responderon correctamente ás preguntas relacionadas coas dúas cidades. Deste sorteo saíron os 42 gañadores da promoción, aos que se lles asignou unha estancia nun dos hoteis participantes na promoción con cuarto dobre e almorzo gratis, para gozar entre os días 14 e 19 de febreiro. Os gañadores poden consultar o resultado do concurso na web www.turgalicia.es, nun banner colocado na portada.