Un aeródromo como revulsivo para o turismo pontevedrés

O municipio pontevedrés de Caldas de Reis acollerá en breve un aeródromo, iniciativa impulsada polo empresario José Manuel Campañó e que conta co respaldo da Deputación de Pontevedra. A este respecto, o presidente da entidade provincial, Rafael Louzán, visitou recentemente as instalacións, das que dixo que servirán de revulsivo para o turismo na provincia. Para Louzán, este aeródromo “pode converterse nun referente turístico na comarca e na provincia, e un elemento novo de atracción para os moitos afeccionados a esta actividade, ademais de facilitar o transporte aéreo”.

O promotor da iniciativa, pola súa banda, informou de que nestes intres o aeródromo ten capacidade para 11 avións “pero xa temos demanda para outras 10 avionetas máis cuxos donos pretenden utilizar esta instalación”. Así mesmo, José Manuel Campañó avanzou que, se todos avanza con normalidade, o aeródromo de Godos podería acoller a vindeira temporada estival unha escala da Volta Aérea a Galicia Norte que reuniría a máis de 40 aparatos de voo de toda España e de Portugal.