Xornalistas alemáns coñecen o entroido da man de Turgalicia

Seis xornalistas alemáns poderán coñecer a oferta de Turismo Cultural da Comunidade galega a través dunha viaxe organizada por Turgalicia en colaboración coa oficina de Turismo de España en Düsseldorf. Os comunicadores participarán nos entroidos de Laza, Verín e Xinzo de Limia e achegaranse a parte da oferta de enoturismo de Galicia, visitando adegas pertencentes ás Denominacións de Orixe do Ribeiro e Monterrei.

Esta viaxe, organizada co obxectivo de difundir os valores turísticos de Galicia relacionados coa cultura en Alemaña, comezará mañá e estenderase ata o mércores día 22 e nela participarán xornalistas especializados en turismo e viaxes do noroeste de Alemaña dos medios de comunicación Redaktionsbüro Benning, Westfäliche Nachrichten, Rhein-Ruhr Magazin, SMV Verlag, Reiselust24 e Spanien Reisemagazin.

Navartur. Por outra banda, a S.A de Xestión do Plan Xacobeo participará esta fin de semana na Feira Internacional de Turismo Navartur que celebra a súa sétima edición. A feira terá lugar no Palacio de Ferias y Congresos Baluarte de Pamplona, e ten un carácter mixto, para profesionais e público en xeral. O Xacobeo non só proporcionará información relativa aos Camiños senón tamén sobre Galicia como destino turístico.

Segundo os datos facilitados pola Oficina do Peregrino, ao longo do ano 2011 un total de 9.348 peregrinos –isto é, o 5,10% dos camiñantes a Santiago que recolleron a Compostela- comezaron o Camiño en Roncesvalles; o 2,31% dos peregrinos que recolleron a Compostela o ano pasado en Santiago comezaron a súa andaina en Pamplona, máis de 4.200 persoas.