A Xunta apoia a continuidade de Alfageme

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía e Industria e do Igape, reitera que está a facer todos o esforzos posibles para garantir a continuidade futura da actividade da conserveira Alfageme así como o mantemento dos postos de traballo.

De feito, estanse a manter conversas e encontros permanentes entre os representantes dos servizos xurídicos da Xunta de Galicia e das entidades financeiras implicadas no proceso para avaliar as posibilidades de atopar unha solución xurídica ao problema.

Con ese mesmo obxectivo, o director xeral do Igape, Javier Aguilera, tamén ten estado en comunicación directa e continuada cos representantes das distintas organizacións sindicais con representación na conserveira, aos que mantén puntualmente informados sobre o desenvolvemento das conversas coas entidades financeiras acredoras para dar viabilidade á compra de Alfageme e ao mantemento do emprego na empresa.