Amigos do Camiño recoñece o apoio da Xunta á Ruta Xacobea

Con motivo do seu XXV aniversario, a Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago vén de outorgar á Xunta a súa Medalla de Honra pola labor realizada na Ruta Xacobea. O galardón foi recollido pola secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, no decurso da asemblea anual da Federación.

A Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, que engloba a máis dunha trintena de asociacións xacobeas espalladas por todas as Rutas Xacobeas do territorio, constituíuse en 1987 tras o Primeiro Congreso Internacional de Asociacións Xacobeas celebrado en Jaca. Na actualidade, a federación agrupa a un colectivo de 5.900 socios voluntarios que traballan desinteresadamente na promoción, conservación e difusión do Camiño de Santiago.

Carmen Pardo felicitou á federación pola súa efeméride e polo traballo desenvolvido durante este cuarto de século a prol do Camiño de Santiago, e tamén resaltou “a inestimable labor das asociacións xacobeas como embaixadoras do Camiño de Santiago”. Carmen Pardo destacou tamén a importancia do apoio aos peregrinos que prestan as asociacións, a creación da figura do hospitaleiro-voluntario por parte da federación; os traballos de recuperación histórica dos Camiños de Santiago e a xestión do persoal voluntario que traballa nas rutas.