Carmen Pardo participou na reunión da Conferencia Sectorial de Turismo

A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, participou en El Hierro na Conferencia Sectorial de Turismo, á que asisten os conselleiros de turismo e secretarios xerais das Comunidades Autónomas e que estivo presidida polo ministro de Industria, Enerxía e Turismo, José Manuel Soria. Durante o encontro, os titulares de Turismo das comunidades españolas abordaron asuntos como o seguimento da convocatoria do FOMIT 2011 e a preparación da convocatoria 2012, así como o informe sobre o Plan de Marketing Estratéxico de Turespaña, e máis as liñas mestras do Plan Nacional Integral de Turismo.

Un dos puntos da orde do día da Conferencia Sectorial era a modernización da normativa de clasificación hoteleira. Galicia, así como as comunidades de Madrid, La Rioja, Baleares, Canarias e Cataluña, están xa nunha fase avanzada da adaptación á normativa. Os traballos de adaptación pasan por varias fases, entre as que figuran a análise da lexislación actual, unha sesión de traballo cos hoteleiros e a elaboración dunha recomendación e proposta sectorial. A este respecto, Galicia celebrará o día 20 de marzo unha xornada cunha representación dunha vintena de hoteleiros –aqueles que teñan unha maior impronta no sector turístico galego e tendo en conta os criterios de representación xeográfica equilibrada- para captar as súas recomendacións, comentarios e aportacións. Na seguinte fase elaborarase unha recomendación e proposta sectorial sobre a lexislación hoteleira a aplicar na Comunidade Autónoma de Galicia.

O ministro recalcou na súa intervención a iniciativa pioneira de Galicia na creación en colaboración coa EOI –Escola de Organización Industrial- dun Plan de Formación para a Excelencia Turística de Galicia, e animou ao resto de comunidades a seguir a senda iniciada pola Comunidade Autónoma galega.