A castaña protagoniza un proxecto pioneiro de creación de emprego en Lugo

A Deputación de Lugo está a desenvolver un proxecto pioneiro que ten á castaña como protagonista. O “Proxecto Soutos”, que é como se denomina, creou inicialmente 13 postos de traballo directos no rural lucense para a plantación e recuperación de 125 hectáreas de superficie cedidas en sete municipios da zona occidental e central da provincia: Antas de Ulla, Palas de Rei, Guntín, Taboada, Cervantes, O Courel e Chantada.

O programa conclúe neste 2012 co acondicionamento de 100 hectáreas máis de terreo (das que 64 están a día de hoxe xa comprometidas cos donos). Deste xeito, serán 225 as que en total se poñerán en produción. Os propietarios destas fincas recibirán, a custe cero, o 33% dos beneficios das colleitas, que a medio prazo –en 15 anos- acadarán as 400 toneladas e no momento de maior rendemento dos soutos –a partir dos 25 anos- superarán as 800.

O principal destino das castañas será o mercado internacional, onde acadan os maiores prezos, e a forma na que se vende a castaña é pelada para a súa posterior transformación para o ámbito da cociña e da repostería. (Foto: recente visita do presidente da Deputación a unha das plantacións).