Formación de calidade para transformar o Turismo galego

A Xunta e o Goberno central investirán preto dun millón de euros na formación de seiscentos profesionais do sector turístico galego. Así o detallaron a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, e o director da Escola de Organización Industrial –EOI-, Fernando Bayón. O Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo e o Fondo Social Europeo a través da Escola de Organización Industrial, investirán neste plan un total de 838.296 euros, o que supón un 90% do orzamento total. O 10% restante será aportado pola Secretaría Xeral para o Turismo a través de Turgalicia e do Centro Superior de Hostelería de Galicia.

O obxectivo deste plan é "contribuír á transformación do sector turístico galego a través da formación dos seus empresarios e emprendedores", sinala a Xunta. O programa artellarase en 13 tipoloxías de cursos adaptados ás necesidades concretas dos distintos subsectores. Trátase de 24 programas formativos en toda Galicia nos que poden participar entre 20 e 30 persoas en cada grupo. Xa poden consultarse as bases da convocatoria na web
www.turgalicia.es e mais na web www.eoi.es.

O plan centrarase, fundamentalmente, en áreas estratéxicas de turismo como a innovación, o e-marketing, as redes sociais, a xestión de pequenos aloxamentos e restaurantes, a eficiencia, o aforro e a xestión de custes, ademais da creación de empresas.