Hostelería Compostela propón a Cidade da Cultura como sede dos futuros Foros Gastronómicos

A asociación Hostelería Compostela está satisfeita co resultado do Fórum Gastronómico 2012. Sinalan como especialmente positiva “a participación dos principais xornalistas gastronómicos de España que permite proxectar unha extraordinaria imaxe de Santiago e de Galicia como destinos de turismo gastronómico”. De feito, a potenciación deste tipo de turismo é “esencial” dentro da estratexia de desestacionalización, internacionalización e diversificación da oferta turística que Hostelería Compostela defende e pola que aposta dende hai xa tempo.

A implicación decidida de Hostelería Compostela no Fórum Gastronómico, participando no Fórum Cidade cun novidoso obradoiro de cociña con café, acollendo nos hoteis asociados a todos os cociñeiros, organizadores e xornalistas que participaron neste evento e organizando tamén unha cea de benvida para todos os patrocinadores, convidados, xornalistas, autoridades e profesionais, “vai máis aló do simple patrocinio”. Ademais, os hostaleiros composteláns consideran que este evento “contribúe a crear un sector de restauración activo”.

O colectivo empresarial chama atención sobre o feito de que “o espazo do Palacio de Congresos resultou pequeno para acoller a tantos visitantes”, polo que “defendemos a posibilidade de estudar a celebración de vindeiras edicións na Cidade da Cultura de Galicia, contribuíndo a poñer en valor este espazo e a potenciar a súa atractiva imaxe no exterior da man do evento gastronómico máis importante de Galicia”.