O Panparanpán de Pontevedra incluirá unha gastroteca

Este martes preséntase, nas Ruínas de Santo Domingo de Pontevedra, a parte gastronómica do ‘Panparanpán’, que suporá unha aposta pola cociña creativa na que diversos produtos do país compartirán protagonismo co novo Pan da Vila, elaborado polos panadeiros artesáns de Pontevedra con fariñas galegas e auga do Lérez especialmente para esta ocasión.

O evento contará coa presenza de representantes da Deputación e o Concello, así como os responsables da organización do evento, ademais dos gastrónomos Álvaro Rey, de Casa Román; Alfonso Díaz, de Aires Virgen Extra, e o campión nacional de Xefes de Sala, Nacho Costoya.

A Feira do Pan convertirase así nunha auténtica gastroteca, cunha ducia de pratos na que se combinan as apostas de cociña creativa, coas receitas máis populares do país. Ademais desta zona de degustación, Panparanpán inclúe a exposición e venda de pan artesán de toda Galicia, un obradoiro de pan para nenas e nenos, unha muiñada popular de trigo galego no muíño de Cabanas (Salcedo), unha exhibición hípica, música, a gala do pan e xogos para públicos infantil e adulto.