O turismo galego promociónase na ITB Berlín

Turgalicia presenta estes días a oferta turística de Galicia na feira ITB de Berlín, un dos encontros turísticos máis importantes do mundo. Neste evento, dedicado ao turismo en xeral, Turgalicia promociona o novo mapa de xeodestinos turísticos de Galicia e os dez produtos cabeceira de marca, ademais da oferta global e o Camiño de Santiago.

Na ITB farase especial fincapé nos produtos relacionados coa natureza e o Turismo de costa, así como o turismo cultural, que xunto co Camiño de Santiago e as cidades galegas, son os aspectos turísticos de Galicia que máis interese espertan para os turistas alemáns. Os visitantes xermanos situáronse no segundo lugar despois dos portugueses canto á ocupación hoteleira en Galicia en 2011.