Oca Hotels perfílase como o salvavidas de Manzaneda

A Xunta está a buscar inversores que garantan o futuro de Meisa, a sociedade mercantil que explota as instalacións de Manzaneda e da que participan, ademais do Goberno galego, Novagalicia Banco e os concellos de Trives e Manzaneda. De entre as varias opcións estudadas, a de Oca Hotels (Grupo Mas Costas) é a que “destaca”, segundo a Xunta, porque “está demostrando un ‘saber facer’ na dinamización de complexos turísticos e hoteleiros no mundo rural”.

Oca Hotels pertence ao Grupo Mas Costas, o grupo turístico máis importante da comunidade galega, tanto por volume de facturación – preto de 64 millóns de euros en 2011-, como por movemento de clientes. De capital cen por cen galego, o Grupo Mas Costas ten a súa división hoteleira Oca Hotels, formada por once establecementos en Galicia, entre os que se atopan o Hotel Balneario & Golf Augas Santas en Pantón ou o Hotel Spa Galatea de Sanxenxo, ambos de catro estrelas.

Nos próximos días, a Xunta, como accionista principal, seguirá en conversacións con Oca Hoteles para definir a mellor fórmula de participación da compañía en Meisa.