Os hostaleiros lucenses celebraron a súa festa anual

A Gala da Hostalería Lucense –celebrada este luns- foi unha homenaxe a todos os empresarios do sector, representados nos premiados cos galardóns especiais. Dunha banda, a hostaleira María Luisa Díaz Doval recibiu o premio “por toda unha vida nos fogóns”. María Luisa empezou a traballar na hostalería aos 17 anos como axudante de cociña nunha casa de comidas de Madrid e tamén estivo na Costa Brava e no Vall de Hebrón ata que en 1986 volveu a Galicia e fundou no Corgo o Hostal-Restaurante Alborada, á fronte do que permaneceu ata a súa xubilación. Entregoulle o premio a xerente de Turgalicia, Carmen Pita.

O título de “Embaixador Hostaleiro da Provincia 2012” recaiu na Asociación Cultural Amigos de San Froilán de Barcelona, organizadora dende hai anos destes festexos na honra do patrón lucense no popular distrito de Nou Barris. O Concello barcelonés recoñeceu esta festa como a segunda mellor da cidade condal, non en van adoita xuntar ao redor de 50.000 persoas cun completo programa. O encargado de dar este galardón foi Mario Outeiro, responsable de Turismo na Deputación Provincial de Lugo. Este ano, a Apehl quixo renderlle unha homenaxe a un compañeiro, Santiago Argüeso, pola súa colaboración na posta en marcha da propia asociación de hostaleiros, así como para o seu bo funcionamento. O seu presidente, Cheché Real, acompañado polo presidente de honra e fundador desta asociación, Manuel González Granxeiro, outorgoulle a Santiago a Medalla de Ouro da Apehl, un galardón novo, creado nesta edición.

Na súa intervención, Cheché Real quixo remarcar o carácter da asociación de hostalería como asociación de turismo e reinvidicou o papel do sector como rexenerador de economía e a necesidade de que a provincia conte xa cun centro de formación especializado en hostalería. Participaron ademais no acto, compartindo unhas palabras cos asistentes, a delegada territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias, e o alcalde de Lugo, José López Orozco. Entre as autoridades invitadas tamén se atopaban o subdelegado do Goberno, Ramón Carballo Páez, e o presidente da Confederación de Empresarios de Hostalería de Galicia, Héctor Cañete. (Foto: premiados nesta edición)