Taxis londinenses con mensaxe galego

Cincuenta taxis de Londres circularán pola capital británica durante os vindeiros sete meses coa publicidade da marca turística de Galicia. Dende o vindeiro día 1 de abril, os vehículos estarán ‘customizados’ con rotulación exterior en formato Super Side nambos laterais e con asentos frontais encartables cunha creatividade para promocionar o destino Galicia no mercado británico. Tamén os recibos de pagamento subministrados polos taxistas incluirán publicidade do destino Galicia.

Durante este 2012, e no marco da estratexia de apostar polo mercado británico na promoción turística de Galicia, dado que é o quinto mercado internacional máis importante para a comunidade, Galicia desenvolverá diversas accións a través da Secretaría Xeral para o Turismo, a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e mais a Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia-Turgalicia.


A capital británica acolle este ano dous importantes eventos que a converten nun extraordinario escaparate mundial para a promoción turística do destino Galicia. Os XXX Xogos Olímpicos que se celebran na cidade entre o 27 de xullo e o 12 de agosto e mais a celebración do Xubileo de Diamantes da Raíña Isabel II que conmemora os 60 anos no trono da monarca sitúan a Londres no epicentro de Europa neste 2012.


Por outra banda, Galicia dá a coñecer en Irlanda o produto turístico “Camiños dos sabores de Galicia”, enmarcado no proxecto europeo CANTATA2 e que a Consellería do Medio Rural e do Mar leva a cabo a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural en colaboración con 49 concellos, 12 organismos e 68 empresas do rural. Este produto turístico galego está baseado en catro rutas agroalimentarias que, con carácter piloto, teñen como eixo vertebrador produtos galegos de calidade. As catro rutas son: Sabores do Noroeste, Sabores nos Camiños, Sabores do Courel e Sabores nas Portas de Galicia.


Ademais, a Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, da Secretaría Xeral para o Turismo, colaborará por terceiro ano consecutivo coa celebración do III Torneo Peregrinación AESGOLF, gastronomía, termalismo e golf, no que participarán máis de cen golfistas da categoría sénior –maiores de 50 anos- no campo do Balneario de Mondariz.