O Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo e o Fondo Social Europeo a través da Escola de Organización Industrial, investirán neste plan un total de 838.296 euros, o que supón un 90% do orzamento total, na formación de 600 profesionais do sector turístico Galego. O 10% restante será aportado pola Secretaría Xeral para o Turismo a través de Turgalicia e do Centro Superior de Hostelería de Galicia. Esta actuación enmárcase no Plan de Formación para a Excelencia Turística de Galicia, unha iniciativa pioneira no Estado.
O obxectivo deste plan é contribuír á transformación do sector turístico galego a través da formación dos seus empresarios e emprendedores. O Plan tentará dar resposta ás necesidades da oferta turística de Galicia, que debe adaptarse aos cambios da demanda, ás preferencias dos consumidores, á competencia, ás canles de comercialización e aos novos requerimentos do mercado que esixen actuacións globais como a que hoxe se presentou en materia de formación.