Xornada sobre turismo accesible promovida pola Deputación de Pontevedra

A Deputación Provincial de Pontevedra, a través de Turismo Rías Baixas, celebrará o vindeiro luns unha xornada de Turismo Accesible no Palacete das Mendoza. Esta iniciativa, que se desenvolverá de 09:00 a 14:00 horas, terá por obxecto contribuír a que técnicos e xestores do destino Rías Baixas adquiran unha formación mellor e máis completa, o que redundará nunha maior calidade da atención dos profesionais do turismo.


Os interesados en participar poderán descargar a solicitude na páxina web de Turismo Rías Baixas. A inscrición realizarase por rigorosa orde de recepción de solicitudes xa que hai prazas limitadas.

O programa da actividade dará comezo con dúas ponencias a cargo de José Manuel Cabada Álvarez presidente de ACTURACCIA, sobre “Os dereitos e a imaxe social das persoas con discapacidade” e “O Turismo para Todos, innovación turística”. Tamén intervirán Paulo Fontán, presidente de Amizade, ou María Soledad González, técnica de Rehabilitación do Centro de Recursos Educativos da ONCE.