Adegas e establecementos de lecer nocturno tamén poderán acceder á Q de Calidade

A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, asinou esta mañá unha serie de convenios coas asociacións de aloxamento de Turismo Rural, Axencias de Viaxes, Hoteis e Apartamentos Turísticos, Servizos de Restauración, Instalacións Náutico Deportivas e Campos de Golf para a implantación e difusión da marca Q de Calidade Turística para o ano 2012. Como novidade, este ano os convenios asinaranse tamén con Adegas Visitables e mais cos establecementos de Lecer Nocturno.

Ademais dos convenios que se asinan con Turgalicia, a Secretaría Xeral para o Turismo establecerá unha orde de subvencións para empresas turísticas e servizos complementarios para a implantación, certificación, seguimento e renovación da marca Q de Calidade Turística do ICTE dotada cun importe de 100.000 euros. Por primeira vez este ano o máximo subvencionable pola Secretaría Xeral para o Turismo pasa do 40 ao 75% neste tipo de ordes.

A Xunta de Galicia incentiva economicamente aos empresarios que implanten este sistema no ámbito individual soportando os custos directos das auditorías externas de certificación ou renovación da marca Q, así como a cota de mantemento do distintivo de calidade.

No 2003 había en Galicia 13 establecementos distinguidos coa marca Q de Calidade Turística, a cifra acadou os 234 en 2011.