Cincuenta viticultores arousáns fórmanse no manexo das aplicacións do proxecto Viñas Atlánticas

Medio cento de viticultores das adegas Martín Códax, Paco & Lola e Condes de Albarei, así como persoal da Deputación de Pontevedra vencellado ao programa Viñas Atlánticas, estanse a formar no manexo das ferramentas creadas no marco deste programa, que permitirán mellorar a xestión económica e ambiental das adegas e das viñas. Os asistentes reciben formación sobre o manexo da ferramenta VITC, unha aplicación informática incluída no ‘Sistema de Integrado de Control para a Optimización Ambiental’ e que lle permite, entre outras cousas, obter datos meteorolóxicos de precisión; consultar históricos das parcelas; xestionar a súa explotación a través dun libro de explotación electrónico; realizar xestións co rexistro vitícola ou ter asistencia técnica as 24 horas do día, os 365 días do ano.

A aplicación permítelle tamén aos viticultores obter unha información moi relevante como é o risco de aparición do mildiu en cada parcela concreta da súa explotación, para así controlar dun xeito máis efectivo a aplicación de tratamentos e, en consecuencia, reducir o uso de fitosanitarios e aforrar tempo e diñeiro. Ese é, precisamente, o obxectivo principal do proxecto Viñas Atlánticas.