Galicia estivo presente estes días en Creta durante a celebración do seminario europeo titulado “Novas tecnoloxías e turismo en Creta. Oportunidades e desafíos para os corpos da administración local e os concellos”, no marco do proxecto europeo I-Speed, do que forma parte. A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, e o director do Instituto de Estudos Turísticos, José Paz, exerceron de embaixadores do turismo galego, explicando a experiencia da comunidade galega no sector do turismo rural e a súa evolución ao longo das últimas dúas décadas.
Paz Gestoso incidiu sobre todo nos métodos de promoción e comercialización levados a cabo, posibles grazas á posta en marcha de políticas público-privadas que deron lugar á existencia de mecanismos como a Plataforma de Reservas Online, en funcionamento dende 2010.