A Deputación de Pontevedra reivindica o apoio ao emprego no sector termal do seu programa ‘Saúde e Benestar’
A Deputación Provincial de Pontevedra pon
en marcha, un ano máis, o programa ‘Saúde e Benestar’, co que se pretende, por
un lado, “contribuír a mellorar a calidade de vida das persoas de máis de 50
anos ou necesitadas dun respiro familiar e, por outro, dinamizar o sector termal
nos meses de temporada baixa, co que se logra o mantemento duns 400 postos de
traballo na provincia”. Así o asegurou esta mañá o presidente da Deputación
provincial de Pontevedra, Rafael Louzán, na rolda de prensa posterior á Xunta
de Goberno, que aprobou hoxe a adxudicación dos traballos de organización deste
programa.
Nos tres últimos anos, unhas 10.000 persoas
beneficiáronse deste programa e o obxectivo da Deputación é que poidan seguir
facéndoo para que tamén sexa un “estímulo para que estas instalacións que xeran
riqueza e emprego” manteñan a súa actividade e os seus postos de traballo,
especialmente necesarios en momentos coma o actual. Louzán lembrou que o
programa consiste en que as persoas interesadas poidan pasar 6 días e 5 noites
nun hotel con spa, balneario ou outro tipo de instalación similares, en réxime
de pensión completa. Todos os establecementos incluídos no programa pertencen á
provincia de Pontevedra, porque do que se trata e de que “os recursos que hai
na provincia se gasten na provincia”.