Dúas citas gastronómicas: a XIV Feira Degustación da Tenreira Galega de Láncara e a LII Festa da Lamprea de Arbo


A Deputación de Lugo impulsa a XIV Feira Degustación da Tenreira Galega de Láncara, que terá lugar este martes, a partir das 10:00 horas, no Campo da Feira da Pobra de San Xillao. Nela está previsto repartir uns mil quilos de carne entre os asistentes.

Xunto á degustación de tenreira galega, ao caldeiro ou á grella, a 12 euros por ración, a programación do evento inclúe actuacións musicais, exhibicións de maquinaria agrícola clásica e de produtos artesáns, o sorteo dunha xovenca, e un concurso de gando vacún e outro de cabalos.
 
E a outra cita gastronómica para os vindeiros días é a LII Festa da Lamprea de Arbo (Pontevedra). Os días grandes serán do 4 ao 6 de maio pero os actos previos xa comezaron. Para este martes está prevista a inauguración da Viñoteca Municipal no Centro do Viño e de Interpretación da Lamprea, coa presenza de representantes do C.R.D.O. Rías Baixas. O mércores e xoves desenvolveranse unhas Xornadas Técnicas de Viticultura e xa o venres procederase á inauguración oficial da Mostra e Degustación da Lamprea e do Viño da D.O. Rías Baixas.

Como actos destacables, o venres celebrarase a Gala da Lamprea e o sábado, o Xantar de Homenaxe á Raíña Lamprea e ós viños de Arbo.