Galicia contabiliza máis viaxeiros aloxados e máis excursionistas


A Xunta vén de informar de que Galicia rexistrou no primeiro trimestre do ano un total de 497.066 viaxeiros aloxados no conxunto da oferta turística regrada, un 1% máis que en relación ao observado no mesmo período do ano pasado. Por tipoloxías, os establecementos hoteleiros rexistraron un total de 474.487 viaxeiros, un 0,4% máis que no período xaneiro-marzo de 2011. No caso da oferta extrahoteleira, contabilizáronse un total de 22.579 viaxeiros, o que supón un 15,8% máis en relación ao ano anterior. As pernoitas, que se situaron nun total de 43.869, tamén rexistraron neste segmento unha suba do 1% respecto ao primeiro trimestre de 2011. 

Os apartamentos turísticos foron os que rexistraron unha suba maior, un 35,2% máis respecto aos tres primeiros meses de 2011. O ascenso no caso dos campamentos turísticos foi do 16,9% e o dos establecementos de turismo rural situouse nun 8,1%.

A estas cifras hai que engadir as referentes ao excursionismo estranxeiro facilitados por Frontur. En total, de xaneiro a marzo rexistráronse 1.056.427 excursionistas estranxeiros, o que supón un 3,4% máis respecto dos tres primeiros meses de 2011.