Galicia dáse a coñecer a través de varios press trips

Varios grupos de xornalistas e operadores turísticos internacionais percorrerán ao longo do mes de abril varias vilas e cidades do territorio galego ao obxecto de coñecer a oferta turística de Galicia e prescribir os atractivos desta entre os lectores dos medios de comunicación e clientes das empresas turísticas participantes nestas viaxes de familiarización turísticas, organizadas por Turgalicia.

Así, entre os días 15 e 18 de abril, dous xornalistas da revista Condé Nast Traveller, do Reino Unido, participarán nunha viaxe de familiarización organizada en colaboración coa Oficina de Turismo de España en Londres baixo o nome “Relax no mar”, ao obxecto de difundir entre o público británico os atractivos das zonas costeiras máis senlleiras de Galicia por medio dun suplemento especial que realizará esta publicación no seu número de verán.

Dentro das viaxes de familiarización previstas para este mes de abril, está tamén a visita dun grupo de axencias de viaxes organizada por Turgalicia en colaboración coa Oficina de Turismo de España en Milán e a empresa pública Paradores. Estes axentes de viaxe italianos visitarán os paradores de Santiago de Compostela, Pontevedra, Cambados, Baiona e Santo Estevo de Ribas de Sil, ademais da oferta complementaria dos lugares onde están radicados estes establecementos turísticos.

Ao longo dos vindeiros meses tamén visitarán Galicia un grupo de xornalistas mexicanos que coñecerán a oferta enogastronómica da Comunidade galega, baixo o produto cabeceira da marca do Turismo de Galicia “Paseando entre viñedos”, un grupo de operadores turísticos alemáns que poderán coñecer o produto “Lugares únicos” e un grupo de xornalistas do sur de Alemaña que visitarán Galicia para coñecer o produto cabeceira de marca “Santuarios máxicos”, entre outros.