Iníciase a Fase Cero do Plan de Usos da Fortaleza de Monterrei


Imaxe da visita ás instalacións
A secretaria xeral para o Turismo da Xunta de Galicia, Carmen Pardo; o alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán; e mais o alcalde de Monterrei, José Luís Suárez Conde, realizaron unha visita ao Castelo de Monterrei onde explicaron en que vai consistir a Fase Cero do Plan de Usos Turísticos desta fortaleza. O conxunto defensivo constitúe a acrópole máis importante de Galicia e foi declarado Ben de Interese Turístico en 1985.

A Secretaría Xeral para o Turismo encargou un Plan de Usos Turísticos cuxa Fase Cero se porá en marcha de xeito inmediato. A fase que agora se inicia ten un prazo de execución de dous meses aproximadamente e pretende asegurar a satisfacción dos visitantes e garantir a seguridade da visita.  Unha vez rematadas as obras, e como parte da mellora, contratarase unha empresa que realizará servizos de vixilancia, mantemento, información e recepción dos visitantes ao Castelo que a partir dese momento estará aberto durante os sete días da semana. A empresa comezará a desenvolver estas tarefas no conxunto defensivo a partir do día 1 de xullo.

A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, anunciou tamén que de cara ao verán trabállase na organización dunhas Xornadas de Recreación Histórica no Castelo de Monterrei, que estarán organizadas pola Asociación Histórico-Cultural Poland First to Figh e a Asociación de Recreadores. Tratarase dunha fin de semana na que se reunirán nas inmediacións do conxunto defensivo grupos de recreacionistas de toda España para mostrar a evolución histórica da sociedade.