Galicia rexistrou no primeiro trimestre de 2012 un total de 474.487 viaxeiros aloxados en establecementos hoteleiros, o que representa un 0,4% máis que en relación ao observado no mesmo período do ano pasado, segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estadística (INE). Galicia situouse neste caso nunha posición intermedia con respecto a outras comunidades autónomas -segundo sinala a Xunta- mentres que o crecemento do volume de viaxeiros no conxunto estatal foi do 0,1%, case parello aínda que lixeiramente inferior ao galego.
O crecemento da cifra de viaxeiros aloxados prodúcese -explica a Xunta- como consecuencia das subas rexistradas en dous mercados concretos: o turismo interno (dos residentes en Galicia) e o internacional, con incrementos do 0,8% e o 4,3%.
O comportamento específico dos hoteis é especialmente positivo neste primeiro trimestre, destaca o Goberno galego. Nesta tipoloxía concreta rexístrase un incremento da demanda do 3,8% no que atinxe á cifra de viaxeiros aloxados, e do 2,5% no que respecta ás pernoitas. A Xunta non valora, neste eido, a evolución experimentada polos prezos.
A estas cifras dos establecementos hoteleiros hai que engadir as referentes ao excursionismo estranxeiro facilitados por Frontur, que analiza os movementos en fronteira. En total, de xaneiro a marzo, rexistráronse 1.056.427 excursionistas estranxeiros, o que supón un 3,4% máis respecto dos tres primeiros meses de 2011.