O restaurante Rías de Galicia de Barcelona
recibiu este xoves, de mans da directora do Centro Superior de Hostelería de
Galicia, Patricia Cuevas, e mais do director da Fundación Amigos de Galicia,
Luís Rial, o premio Lola Torres de Gastronomía Tradicional. Cándido Iglesias
Barciela, propietario do establecemento, recolleu o galardón que celebra este
2012 a súa décima edición.
Na súa intervención durante a entrega do
galardón, a directora do CSHG, Patricia Cuevas quixo resaltar o carácter
entrañable e familiar deste premio e lembrou as palabras do gañador da pasada
edición Juan Mari Arzak que comentou que “este premio lle parecía precioso
porque lle lembraba a súa nai”. Cuevas tamén resaltou o traballo da Secretaría
Xeral para o Turismo pola difusión e posicionamento da gastronomía galega. “As
enquisas revélannos que a gastronomía é o segundo recursos turístico de Galicia
debido a varios factores: a gran variedade de produtos, a celebración de máis
de 300 festas gastronómicas; ou as dez Estrelas Michelin que posuímos”,
destacou a directora do Centro.
Á convocatoria desta décima edición do Lola
Torres presentáronse 108 restaurantes. Rías de Galicia foi escollido como
vencedor porque demostrou ser, desde 1986, un embaixador da comida galega en
Barcelona.