O sector comeza a recibir o decreto que regulará a comercialización dos produtos pesqueiros


A Consellería do Medio Rural e do Mar xa comezou a enviar ao sector o borrador do decreto que regulará a comercialización en orixe dos produtos pesqueiros, integrando por primeira vez toda a normativa galega e estatal nesta materia. Así o avanzou a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, na Feira European Seafood Exposition 2012, que se está a celebrar en Bruxelas. O texto inicia así un trámite de consultas entre as diferentes partes do sector interesado –extractivo, comercializador, transformador e acuícola- ao que se lle fará chegar nos próximos días.

Segundo informou a conselleira, este decreto ten por obxectivo desenvolver e mellorar a comercialización en orixe dos produtos pesqueiros, “fomentando o exercizo dun comercio responsable que garanta a sustentabilidade dos recursos, así como a súa calidade”. Quintana indicou que o documento impulsa os procesos telemáticos co emprego das tecnoloxías TIC que redundan na mellora da trazabilidade e identificación dos produtos pesqueiros, dúas das prioridades do departamento que dirixe.

Rosa Quintana atópase en Bruxelas promocionando os produtos do mar de Galicia na Feira Seafood. Coa súa participación nesta feira, a más importante do mundo no relativo aos produtos pesqueiros, a conselleira busca fomentar a exportación e a internacionalización dos peixes e mariscos de Galicia.