A S.A. de Xestión do Plan Xacobeo emprende
unha viaxe promocional a Brasil onde dende hoxe ata o 29 de abril impartirá un
ciclo de charlas, conferencias e cursos de carácter divulgativo e informativo
en diferentes localidades e tamén participará activamente en todas as
actividades organizadas no VI Encontro Nacional de Peregrinos a Santiago de
Compostela de Brasil. Ademais, o
Xacobeo, representado polo seu técnico do departamento de Asociacionismo e
Investigación, Manuel Rodríguez, manterá contactos con entidades culturais e
turísticas e asociacións xacobeas para incrementar as relacións e promocionar a
peregrinación a Santiago como destino espiritual e turístico-cultural.
O VI Encontro Nacional de Peregrinos de
Brasil a Santiago de Compostela, actividade que con carácter itinerante e
bianual organizan as aproximadamente vinte asociacións de amigos de Santiago
que existen en Brasil, contará coa asistencia de entre catrocentas e
cincocentas persoas de toda a república.