PescadeRías progresa adecuadamente

A Xunta certificou máis de 1.500 toneladas de peixe e marisco co selo PescadeRías no primeiro trimestre de 2012. Esta cifra supón un incremento de máis do 45% na certificación de produto da pesca artesanal destinado á primeira venda en comparación co mesmo período do ano pasado.

A evolución desta marca de calidade tamén se reflicte nos establecementos adheridos a ela. Segundo informa o Goberno galego, a día de hoxe hai certificadas 22 lonxas, 24 maioristas e 5 transformadores. Tamén hai 36 restaurantes asociados á marca, grazas ao convenio asinado no 2011 coa Confederación Galega de Hostalería -CEHOSGA-. Entre estes establecementos están todos os Paradores galegos e a maioría dos restaurantes que contan con estrela Michelín en Galicia.

O selo PescadeRías é unha marca de calidade creada e rexistrada pola Xunta de Galicia que acredita que os produtos da pesca artesanal e do marisqueo están convenientemente identificados, teñen un alto nivel de frescura e se comercializan por empresas situadas en Galicia, que cumpren determinados requisitos de calidade, ademais dos esixidos pola lexislación no ámbito da seguridade alimentaria e do respecto do medio ambiente.