Santiago apunta varias claves para comprender os resultados negativos da Semana Santa

A asociación Hostelería Compostela fixo balance dos datos da Semana Santa que foron peores que os dos dous anos anteriores. En hoteis, a ocupación foi do 57%, mentres que en 2011 foi dez puntos superior e en 2010, dezanove. Para os empresarios, estes datos responden a unha coxuntura económica concreta pero tamén a erros sobre todo en materia de promoción.

“Excesiva dependencia do turismo nacional, moi escasa demanda e pranta de hospedaxe sobredimensionada e descenso do prezo medio e do nivel de rendibilidade hoteleira e do emprego” son tres das claves que, segundo os hostaleiros composteláns, marcan a situación actual. Hostelería Compostela volve incidir en que Santiago “é a cidade galega co maior grao de especialización turística” e moi ben valorada polos visitantes pero “é necesario que veñan máis turistas e por máis motivos, aproveitando a proxección internacional de Santiago en Europa e América”. Ademais, engade, é “necesario fomentar o turismo internacional e a conectividade aérea dende Lavacolla” pois “o turismo internacional é un xeito de exportación e pode reactivar a economía no sector”.