A Deputación Provincial de Pontevedra vén de aprobar as bases para a participación no programa Saúde e Benestar, para o que este ano se establecen 3.333 prazas. Nos últimos dous anos foron case 4.500 as persoas que se sumaron a esta actividade, coa que a Administración provincial pretende contribuír a mellorar a calidade de vida das persoas maiores de 50 anos, pensionistas, e daquelas que precisan dun respiro familiar por estar dedicadas boa parte da súa vida á atención e coidado de persoas dependentes.
O programa consistirá en pasar 6 días e 5 noites nun hotel con SPA, Balneario ou outro tipo de instalación de perfil similar, en réxime de pensión completa a un prezo reducido, dado que a Deputación contribuirá ao financiamento das estadías con 30 euros por cada unha das prazas. O orzamento total ascende a 100.000 euros.