Axudas a axencias de viaxes, acampamentos e albergues turísticos


O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe varias resolucións da Secretaría Xeral para o Turismo en referencia a senllas ordes de axudas. A primeira delas establece as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás axencias de viaxes para a promoción e comercialización do destino Galicia. Considéranse proxectos subvencionables para esta orde todos aqueles que se encadren na liña de deseño de paquetes turísticos de nova configuración. Valoraranse especialmente aqueles paquetes que se configuren sobre os produtos Cabeceira de Marca de Galicia e tamén aqueles que estean orientados ao turismo de caza e pesca, turismo de golf e turismo náutico-fluvial. Ou ben aqueles que se encadren nunha segunda liña, que é a de produtos existentes renovados que impulsen a innovación e renovación en produtos tradicionais ou envellecidos; que inclúan un desenvolvemento transversal de produtos de natureza, culturais e enogastronómicos, así como dobres produtos, integrando termalismo, golf ou outras actividades complementarias; ou que desenvolvan ferramentas ou aplicacións web para a promoción e comercialización dos produtos en sitios web propios ou de terceiros, específicos dos produtos desenvolvidos. A orde está dotada con 300.000 euros e as actuacións subvencionables poderán acadar un máximo de axuda de ata o 40% do orzamento subvencionable.

No tocante á orde destinada a actuacións de mellora dos acampamentos turísticos de Galicia, o montante total ascende a 100.000 euros.

Por outra banda, publícanse outras dúas resolucións de subvencións, unha delas destinada a incentivar o turismo mediante a mellora de albergues turísticos xa existentes en Galicia (pioneira na Comunidade) e a outra, aos establecementos de turismo rural, establecementos hoteleiros, apartamentos e vivendas turísticas, campamentos de turismo, axencias de viaxes, cafeterías, bares, restaurantes e empresas de servizos turísticos complementarios nos procesos de certificación, seguimento e renovación das correspondentes normas UNE co obxecto da obtención ou mantemento da marca Q de Calidade Turística do Instituto para a Calidade Turística Española.